Mércores, 11 Febreiro 2015 10:25

Día de internet seguro: recomendacións básicas

Hoxe, 10 de Febreiro de 2015, celébrase o Día de Internet Seguro. Dende Ítaca Software Libre sempre temos reinvindicado a relevancia de que tanto pais e nais, mozos e mozas, como centros educativos, se impliquen en atallar posibles riscos que están ao noso alcance, e que poden facer que se divulgan todo tipo de datos persoais sen o consentemento verdadeiro dos seus titulares.

 

Velaí uns breves consellos, centrados máis na prevención e no convencemento de que temos que ser conscientes de que temos un dereito fundamental á protección dos nosos datos de carácter persoal.

1) APRENDER

É recomendable que o acceso a Internet na casa se efectúe dende un único ordenador, situado nun lugar común da casa.

2) LÍMITES

Cómpre marcar tempos e horarios para uso de internet, adaptados ao estudo, lecer, etc., e se se pode incentivar a facer deporte, teatro ou alternativas ao ordenador e móbil, mellor.

3) VERDADEIROS PERIGOS

Non proporcionar datos relativos a horarios ou lugares para quedar, nin enderezos, nin números de contas.

Ser supervisados para compras por Internet, e nunca subir fotografías sen a autorización de todas as persoas que aparecen na imaxe.

Pedir acompañamento nas posibles quedadas con persoas non coñecidas fisicamente.

4) FORMACIÓN E ACCIÓN EN CASO DE RISCO

a) Os centros deben establecer entre os seus obxectivos docentes e incluír nos propios deseños curriculares unha formación integral sobre Internet, favorecendo un uso saudable deste.

Trátase de reflexionar co propio alumnado sobre situacións hipotéticas de risco para que perciban e valoren adecuadamente feitos similares que poidan vivir, tomando as decisións correctas para a súa protección

Nos currículos, no marco do fomento do uso das tecnoloxías dixitais como apoio ás tarefas formativas, hai que incluír a específica aprendizaxe de modos de navegación segura e o uso de ferramentas destinadas a iso. As materias de Informática, Tecnoloxía ou Educación para a Cidadanía poden usarse para iso.

b) O profesorado ten que actuar cando se detecte que un alumno se acha nalgunha situación de risco. Á marxe das medidas propias do centro educativo, debe comunicarllo aos seus pais e ás forzas e corpos de seguridade.

Neste sentido, existirá un protocolo de intervención que permita a detección do problema, a valoración do mesmo, aplicar unha serie de actuacións co alumnado afectado e a súa familia, avaliar os seus resultados e extraer conclusións que sirvan para a prevención

5) O MÁIS IMPORTANTE – SER ACOMPAÑADOS

Máis que programas de control sobre páxinas que poden ou non visitarse, ou sobre xogos que deben ou non participar, o principal é que os menores vivan a liberdade e a poidan asumir con responsabilidade, coa axuda dos pais e titores.

O acompañamento e, sobre todo, o diálogo franco, abre moitas posibilidades educativas que o descoñecemento ou a prohibición sen ningún tipo de diálogo.

Non van os fillos cos pais para mercar un billete de viaxe? Ou cando é a hora de matricularse? Pois unha compra por Internet, ou unha descarga de música ou de documentación, que pode facerse de forma legal, tamén se debe facer con presencia dos proxenitores.



Publicado en Blogue
Mércores, 26 Setembro 2012 10:04

En que aforramos co Software Libre?

Que un programa informático, ou calquera software, sexa considerado como libre depende da licenza co que o autor o protexe. Non ten que ver nin coa súa calidade nin, efectivamente, co seu prezo: existe software libre de balde, barato, caro e máis caro aínda.

O que si é ineludible, entre outras cousas, é que ten que poder ser distribuído libremente e polo tanto o prezo do software libre co tempo acabará tendendo a cero na medida en que sexa amplamente compartido, porque cobrar por algo que está estendido de forma gratuíta non é viable.

Imos empezar cunha perogrullada: para aforrar co software libre o primeiro que temos que facer é instalalo e utilizalo. A partir de aquí haberá moitas vantaxes de carácter económico e moitas tamén de tipo legal ao evitar o uso de copias fraudulentas.

É posible que a maior parte do Software que utilizamos nas empresas, organizacións... e nas nosas casas teña un equivalente libre e posiblemente gratuíto: o paquete ofimático é o máis representativo na nosa opinión:

  • Libre Office cubrirá, na maioría dos casos, as necesidades ofimáticas e incluso será subutilizado en gran medida. Incĺúe procesador de textos, folla de cálculo, creador de diapositivas, base de datos,... Custo: 0 euros.
  • Existe un antivirus libre, ClamWin, que pode aforrarnos un pico en licenzas. De todas formas, quen isto escribe non o ten probado porque utiliza GNU/Linux sen antivirus instalado. Custo: 0 euros.
  • Xestor de Correo: utilizar Thunderbird como xestor de correo supón un alto grado de satisfacción pola súa calidade e supón exactamente un custo de 0 euros. A cambio podemos xestionar varias contas de correo, contactos, axenda,... e disporemos de ducias, tal vez centos, de extensións que elevan as posibilidades e funcións ata onde se precise.
  • Se queremos xogar coas nosas imaxes, melloralas, corrixilas, retocalas, editalas, … existe moito Software Libre de calidade pero vou recomendar o uso de GIMP (por certo aínda mellorado significativamente na súa última versión). Este programa, que equivale a Adobe Photoshop, ten un custo de 0 euros.
  • Para gravar os CD e/ou DVD's con datos, música, vídeo, imaxes ISO... podemos aproveitar e instalar Brasero, que cumprirá de sobra o seu cometido e teremos un software perfectamente legal por outros 0 euros.
  • En canto ao software máis específico, como un editor de vídeo, coñezo dúas opcións: unha máis completa, Cinelerra, e outra máis sinxela, Avidemux. Podemos probar as dúas e elixir entre a que nos sirva mellor, porque as dúas teñen o mesmo prezo: 0 euros.

  • Podemos seguir atopando alternativas e todas suporán un gran aforro sen ver reducida a funcionalidade ou incluso mellorándoa nalgúns casos, sen embargo quédame por indicar un capítulo que para min é bastante relevante:
  • O Hardware: cada nova versión do sistema operativo Windows provoca que os nosos equipos, de repente, se vexan obsoletos fronte a unha actualización, así podemos explicar as reticencias a deixar atrás o XP xa que o cambio supón unha nova licenza Windows pero tamén, posiblemente, un novo ordenador. Para estar á última en informática o Software Libre tamén demanda hardware potente pero non só hardware potente: podemos facer instalacións sobre equipos máis antigos e incluso hai Sistemas Operativos, como Minino, que poden significar unha segunda xuventude para un vello ordenador e poderemos utilizalo novamente, e con calidade, para navegar, procesar texto, gravar CD, escoitar música,... Estamos falando de equipos dende 386, que moitos de nós nin lembramos.

Por certo, Minino custa 0 euros.

Publicado en Blogue
Martes, 19 Xuño 2012 13:28

Cloud computing e protección de datos

Onte á tarde foi presentado o Informe “Utilización do cloud computing polos despachos de avogados e protección de datos de carácter persoal”, elaborado pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e o Consello Xeral da Avogacía Española (CXAE).

Se o uso de todo tipo de recursos compartidos (redes, servidores, almacenamento, aplicacións, servizos) aloxados nalgures en Internet (na nube) na actualidade se está estendendo a todos os niveis, os bufetes non son alleos a este modelo Cloud Computing, que permite tanto aplicacións de xestión do despacho, contabilidade ou bases de datos legais ou xurisprudenciais, como compartir documentación e información de clientes ou con otros avogados. Todo iso, lembremos, cunha reducción significativa de investimentos en infraestructuras informáticas.

Non nos centraremos moito nas bondades do traballo na nube, senón en tres aspectos relevantes a ter en conta polos avogados (tamén válidos, diso non hai dúbida, para outros profesionais e todo tipo de entidades): en primeiro lugar, a responsabilidade e a normativa aplicable, xa que a posición de quen trata os datos é a de ser Responsable de tratamento e, segundo o Art. 20.2 do Regulamento da LOPD, debe velar para que o provedor de servizos cumpra a normativa española de protección de datos.

De ubicarse os datos nun país fóra do Espazo económico europeo, habería que conseguir autorización por parte da AEPD e, en caso de estar ante provedores dos EEUU, terán que adherirse a un acordo de “porto seguro”, obrigados a manter os requisitos legais en materia de protección de datos.

En segundo lugar, a seguridade/confidencialide dos datos: o provedor debe garantir tanto a conservación e cifrado dos datos, como a recuperación destes empregando copias de seguridade periódicas.

Por último, o contrato de servizos a asinar co provedor, establecido no Artigo 12.2 da LOPD, onde teñen que recollerse as seguintes obrigas por parte do provedor: non pode dispor dos datos fóra do expresamente autorizado; debe asumir o rol de Encargado de tratamento de datos; só poderán acceder as persoas autorizadas polo despacho; debe garantirse a portabilidade e dispoñibilidade; e cumprir de xeito dilixente as garantías para a protección de datos persoais, para que o cliente (bufete) non asuma a súa responsabilidade.

A aposta polos servizos de computación na nube é imparable, e semella crucial no aumento da productividade e ganancia de tempos no día a día dos despachos de avogados. Agora ben, se temos gardados con chave todo tipo de datos, non podemos dimitir da responsabilidade de asumir onde se atopan os datos almacenados na nube.

Non é fachenda, pero certamente somos conscientes de que os servizos que dende Ítaca Software Libre ofertamos aos nosos clientes, cumplen estritamente a normativa española en materia de protección de datos persoais, e os despachos poden estar seguros de que poden confiar nos nosos provedores, que ubican toda a información en servidores ubicados en territorio español.

Publicado en Blogue
Sábado, 14 Xaneiro 2012 10:54

taquímetro

TAQUIMETRO v.2 é unha aplicación baixo plataforma web a medida en código aberto, para o seguemento e xestión de reparacións efectuadas en talleres mecánicos ou semellantes.

Na súa primeira versión, a aplicación Taquímetro contemplaba as seguintes funcionalidades:

  • Módulo Xestión de Clientes (miniCRM): este módulo é un sinxelo CRM para a xestión dos clientes do taller.
  • Módulo Xestor de Vehículos: realiza as funcións de xestión da información dos distintos vehículos do taller.
  • Módulo Xestor de Reparacións e incidencias: seguemento das reparacións efectuadas e toda a información referente ás mesmas.
  • Fichas de Seguemento das reparacións efectuadas e toda a información referente a esta.

Na versión v2.0 a aplicación Taquímetro contempla adicionalmente:

  • Módulo Xestión Empregados: como o seu nome indica permite o traballo organizado coa información dos traballadores da empresa:
    1. Engadir empregado
    2. Editar datos empregado
    3. Eliminar empregado
    4. Consultar datos
    5. Asignar reparacións a empregado
  • Módulo Reloxio de fichado: control de fichado dos empregados da empresa:
    1. Fichado de entrada
    2. Fichado na saída
  • Módulo de autenticación de usuarios: engade a posibilidade de distintos usuarios da aplicación cun nome e contrasinal para o acceso.
  • Módulo de facturación: permite as operacións básicas de facturación:
    1. Asignación de custos ás reparacións
    2. Posibilidade de listados dos mesmos
  • Módulo de informes: contempla un listado de informes de utilidade para avaliar distintas variables no negocio.
  • Integración cun teclado virtual: Realizouse a integración dun teclado en pantalla para o soporte con pantallas táctiles e o seu manexo sen necesidade dun teclado físico.
Publicado en ContidoWeb

Os nosos traballos

Outras solucións

website 1624028 640 1facturascritps

Escríbenos !!!

contacta

Formulario de contacto

Este sitio utiliza cookies para mejorar la experiencia de uso del visitante y para realzar tareas de análisis. Al aceptar entendemos que das tu consentimiento a nuestra política de cookies

Acepto cookies de este sitio.