Hoxe, 10 de Febreiro de 2015, celébrase o Día de Internet Seguro. Dende Ítaca Software Libre sempre temos reinvindicado a relevancia de que tanto pais e nais, mozos e mozas, como centros educativos, se impliquen en atallar posibles riscos que están ao noso alcance, e que poden facer que se divulgan todo tipo de datos persoais sen o consentemento verdadeiro dos seus titulares.
Velaí uns breves consellos, centrados máis na prevención e no convencemento de que temos que ser conscientes de que temos un dereito fundamental á protección dos nosos datos de carácter persoal.
1) APRENDER
É recomendable que o acceso a Internet na casa se efectúe dende un único ordenador, situado nun lugar común da casa.
2) LÍMITES
Cómpre marcar tempos e horarios para uso de internet, adaptados ao estudo, lecer, etc., e se se pode incentivar a facer deporte, teatro ou alternativas ao ordenador e móbil, mellor.
3) VERDADEIROS PERIGOS
Non proporcionar datos relativos a horarios ou lugares para quedar, nin enderezos, nin números de contas.
Ser supervisados para compras por Internet, e nunca subir fotografías sen a autorización de todas as persoas que aparecen na imaxe.
Pedir acompañamento nas posibles quedadas con persoas non coñecidas fisicamente.
4) FORMACIÓN E ACCIÓN EN CASO DE RISCO
a) Os centros deben establecer entre os seus obxectivos docentes e incluír nos propios deseños curriculares unha formación integral sobre Internet, favorecendo un uso saudable deste.
Trátase de reflexionar co propio alumnado sobre situacións hipotéticas de risco para que perciban e valoren adecuadamente feitos similares que poidan vivir, tomando as decisións correctas para a súa protección
Nos currículos, no marco do fomento do uso das tecnoloxías dixitais como apoio ás tarefas formativas, hai que incluír a específica aprendizaxe de modos de navegación segura e o uso de ferramentas destinadas a iso. As materias de Informática, Tecnoloxía ou Educación para a Cidadanía poden usarse para iso.
b) O profesorado ten que actuar cando se detecte que un alumno se acha nalgunha situación de risco. Á marxe das medidas propias do centro educativo, debe comunicarllo aos seus pais e ás forzas e corpos de seguridade.
Neste sentido, existirá un protocolo de intervención que permita a detección do problema, a valoración do mesmo, aplicar unha serie de actuacións co alumnado afectado e a súa familia, avaliar os seus resultados e extraer conclusións que sirvan para a prevención
5) O MÁIS IMPORTANTE – SER ACOMPAÑADOS
Máis que programas de control sobre páxinas que poden ou non visitarse, ou sobre xogos que deben ou non participar, o principal é que os menores vivan a liberdade e a poidan asumir con responsabilidade, coa axuda dos pais e titores.
O acompañamento e, sobre todo, o diálogo franco, abre moitas posibilidades educativas que o descoñecemento ou a prohibición sen ningún tipo de diálogo.
Non van os fillos cos pais para mercar un billete de viaxe? Ou cando é a hora de matricularse? Pois unha compra por Internet, ou unha descarga de música ou de documentación, que pode facerse de forma legal, tamén se debe facer con presencia dos proxenitores.